martes, 26 de abril de 2011

Novo testemuño da Fábrica de Sargadelos

Boas xente, aquí vos deixo unha nova entrevista de Mª José, de Cervo tamén, que traballou xunto a Isaac Díaz Pardo o cal nos facilita unha información máis profunda e moi interesante sobre a realidade da fábrica.


1-     ¿Que relación ten vostede con Sargadelos?
  Son traballadora desta empresa.


2.- ¿Dende cando traballa alí?
  Hai máis de 30 anos que entrei a formar parte do persoal de Sargadelos


3. ¿Por que medios chegou a traballar na Fca. de Sargadelos?
  O meu primeiro contacto laboral con Sargadelos foi durante os veráns cando estaba estudando bacharelato. Como digo durante o verán traballaba atendendo as “Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre” que se celebraban todos os anos no mes de Agosto, isto permitíame ter algún carto para poder seguir estudando e despois cando terminei entrei a formar parte do persoal do Dpto. de Tecnoloxía. 

4.- ¿Que influencia tivo e ten esta empresa no entorno rural que a rodea?
A influencia foi enorme. Hai que pensar que a finais dos sesenta aquí non había nada.

A primeira vez que eu vin un cartel escrito en galego foi aquí, nesta fábrica. Eu era galego falante mais nunca vira a miña lingua escrita. Podemos dicir entón que foi o primeiro paso para facernos tomar conciencia de que o galego é un idioma, que se pode falar e que se pode escribir.

Foi unha empresa que empregou maioritariamente mulleres que aquí, de quitado as fábricas de conserva, non tiñan onde traballar.

Foi unha empresa que apostou por unha obra social importante: contou desde sempre cun comedor para os empregados cando aquí non había unha soa empresa que contara con tal servizo (hoxe en día este servizo está pechado), contaba con varias bibliotecas ás que podía acceder calquera persoa que o solicitase (hoxe en día isto está pechado tamén), a empresa contaba tamén cunha piscina, (digo contaba porque hoxe en día tamén está pechada), para uso “exclusivo” de empregados, familiares e amigos destes, e para toda a poboación de Cervo.

Se ben a influencia económica desta empresa na zona foi importante, xa que todos os empregados e empregadas son da comarca, a cultural foino moito máis. Durante máis de 30 anos que duraron as “Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre” dábanse cita en Sargadelos importantes nomes da cultura como poden ser Jesús Alonso Montero, Ramón Villares, Andrés Fernández- Albalat, Lois Tobio, Luciano García Alen, Xose Neira Vilas, Anisia Miranda, Manuel Rivas, ceramistas da talla de Arcadio Blasco, Enrique Mestre, Claudi Casanovas, María Bofill, Francisco Espinoza, Silverio Rivas, Magda Marti Coll, e un largo etc. etc. que coas súas conferencias e mesas redondas facían de Sargadelos o centro cultural máis importante de Galicia.


5 ¿Cres que foi algo positivo para o desenvolvemento de Cervo?
 Naturalmente que foi positivo para Cervo e para toda a Mariña. De non ser pola fábrica o nome de Sargadelos non sería tan coñecido en Galicia, en España e ata me atrevo a dicir que no estranxeiro. A empresa, ao largo de máis de corenta anos que ten, tivo galerías de venta en Milán, Oporto,  Barcelona, Madrid, Sevilla, Santiago, Vigo, Lugo, Ferrol, Coruña, … (algunhas como as de Sevilla, Oporto, Milán hoxe están cerradas).


6.- ¿En que situación se encontra actualmente  a fábrica?
 Encóntrase nun claro retroceso en tódolos sentidos. A labor social é nula, como xa fun enumerando antes o comedor está cerrado dende hai máis de 2 anos, a piscina leva tamén 2 anos que non abre en verán, as bibliotecas levan 4 anos pechadas. O valor humano é nulo, os soldos non se incrementaron dende 2008, a comunicación entre dirección e empregados é inexistente. A actividade cultural é tamén inexistente, dende 2006 que houbo o cambio de dirección que apartou a Isaac Díaz Pardo e a súa familia do Consello de Administración non se volveu a publicar nada en Edicións do Castro ata o punto de que a editorial acabou cerrando, non se volveron a celebrar as Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre ….

A fábrica neste momento é unha simple sociedade mercantil que non marcha ben, se lle falla o seu compoñente cultural non marcha, iso a dirección parece que aínda non o veu.


7.- ¿Qué a fai diferente doutras empresas?
 O que a facía diferente era sobre todo ese valor cultural que tiña, e que lle daba identidade e lle imprimía carácter. Incluso a propia edificación do complexo é diferente, ten unha arquitectura bonita e persoal, cando o habitual é que as fábricas non sexan precisamente bonitas. 


8.- En canto o tema do respeto o medio-ambiente.
  O impacto no medio ambiente creo que non é moi grande. As augas residuais da limpeza do caolín e da súa actividade industrial decántanse a través de varios pozos e unha vez decantada a materia mineral e coa auga xa limpa esta devólvese á rede de sumidoiros.


9.- ¿Qué perspectivas de futuro ten?
  Con esta Dirección, sinceramente, moi poucas, por non dicir ningunha.

Esta empresa perdeu a filosofía coa que foi creada, perdeu toda a actividade cultural que tiña, está perdendo a súa identidade e así é moi difícil que se sustente. Isto xa se cansou de dicilo o propio Isaac Díaz Pardo, agora, o tempo e os feitos déronlle a razón.

Penso que as únicas posibilidades de futuro , se é que as ten, pasarían por que retomase a Dirección da empresa o Laboratorio de Formas e a familia Díaz Pardo.


10.- ¿En que aspectos farías máis fincapé para mellorala?
 Penso que o único que habería que facer para mellorala sería volver a ser dirixida coa mesma filosofía coa que foi creada e coa que aguantou 40 anos sen maiores problemas, e sempre medrando. Para iso tería que volver a familia Díaz Pardo




Quería destacar duas cousas sobre a entrevista.Unha que ,a pesar de todo o que fixo a fábrica  en prol da cultura galega e todo o que eso a beneficiou, actualmente se pechen os ollos ante esta situación desfavorable e a única solución que se dá é a do despedimento. E segundo,que foi donde por primeira vez  veu un cartel escrito en galego, estamos a falar dos anos oitenta.


lunes, 25 de abril de 2011

Testemuño dunha traballadora

Boas, aquí vos deixo o peculiar testemuño de Rosa Otero, de Cervo, que nos conta como foi a súa experiencia na Fábrica de Sargadelos.


"Fun traballadora da Fábrica de Sargadelos dende hai 23 anos, sempre me trataron con respeto ata que se foi Isaac Díaz Pardo. Comecei a traballar en 1987 xunto con algunha amiga da miña idade, estábamos apuntadas na empresa ata que nos chamaron.
Vía a fábrica como unha empresa de futuro non só para min senón para todo Cervo.
Traballando alí aprendín a valorar máis a cultura galega, éramos todos como unha familia e a empresa respetaba os traballadores; era unha empresa en auxe.
Empecei a traballar cun contrato de ano por ano, ata que aos dous anos de estar alí quedei embarazada e fixéronme fixa respectándome en todo momento.
Desempeñei varios labores como cargar unha mufla (especie de forno onde se poñen as pezas a "bizcoitar" para despois pintalas), repasar as figuras decorativas e tazas, facer caixas, lavar plantillas e labores de limpeza (por iniciativa propia).

A empresa sempre foi ben, cos seus respectivos alti-baixos, pero sempre respectando os traballadores ata que se vai Isaac Díaz Pardo e se produce un  cambio na dirección da fábrica hai uns catro anos. Con este cambio perdeuse o significado de Sargadelos, xa non se vende cultura senón simples pezas de louza, ademais de cerrar o laboratorio de formas (das cales Sargadelos sempre se diferenciou da competencia), noutras palabras, empeza a ser unha “casa de putas”.
Todo isto dá lugar a un descenso de ventas e a unha redución de persoal e horas de traballo despedindo a 9 traballadores (casualmente todos eles afiliados á CIG na cal me inclúo, defensores da antiga xestión de Isaac Díaz Pardo) e poñendo moi pouca transparencia a ahora de mostrar as contas da fábrica.
E así se resume a miña experiencia nesta fábrica."

Visto o visto pareceme interesante seguir investigando sobre o tema de vender a cultura galega cara o exterior, facer dunha simple pezas de louza en algo simbólico e representativo dun lugar (e supoño que nesto ten moito que ver Isaac Díaz Pardo) e tamén facer fincapé nese cambio que sufreu a empresa co cambio na dirección.

Un saúdo xente.