martes, 26 de abril de 2011

Novo testemuño da Fábrica de Sargadelos

Boas xente, aquí vos deixo unha nova entrevista de Mª José, de Cervo tamén, que traballou xunto a Isaac Díaz Pardo o cal nos facilita unha información máis profunda e moi interesante sobre a realidade da fábrica.


1-     ¿Que relación ten vostede con Sargadelos?
  Son traballadora desta empresa.


2.- ¿Dende cando traballa alí?
  Hai máis de 30 anos que entrei a formar parte do persoal de Sargadelos


3. ¿Por que medios chegou a traballar na Fca. de Sargadelos?
  O meu primeiro contacto laboral con Sargadelos foi durante os veráns cando estaba estudando bacharelato. Como digo durante o verán traballaba atendendo as “Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre” que se celebraban todos os anos no mes de Agosto, isto permitíame ter algún carto para poder seguir estudando e despois cando terminei entrei a formar parte do persoal do Dpto. de Tecnoloxía. 

4.- ¿Que influencia tivo e ten esta empresa no entorno rural que a rodea?
A influencia foi enorme. Hai que pensar que a finais dos sesenta aquí non había nada.

A primeira vez que eu vin un cartel escrito en galego foi aquí, nesta fábrica. Eu era galego falante mais nunca vira a miña lingua escrita. Podemos dicir entón que foi o primeiro paso para facernos tomar conciencia de que o galego é un idioma, que se pode falar e que se pode escribir.

Foi unha empresa que empregou maioritariamente mulleres que aquí, de quitado as fábricas de conserva, non tiñan onde traballar.

Foi unha empresa que apostou por unha obra social importante: contou desde sempre cun comedor para os empregados cando aquí non había unha soa empresa que contara con tal servizo (hoxe en día este servizo está pechado), contaba con varias bibliotecas ás que podía acceder calquera persoa que o solicitase (hoxe en día isto está pechado tamén), a empresa contaba tamén cunha piscina, (digo contaba porque hoxe en día tamén está pechada), para uso “exclusivo” de empregados, familiares e amigos destes, e para toda a poboación de Cervo.

Se ben a influencia económica desta empresa na zona foi importante, xa que todos os empregados e empregadas son da comarca, a cultural foino moito máis. Durante máis de 30 anos que duraron as “Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre” dábanse cita en Sargadelos importantes nomes da cultura como poden ser Jesús Alonso Montero, Ramón Villares, Andrés Fernández- Albalat, Lois Tobio, Luciano García Alen, Xose Neira Vilas, Anisia Miranda, Manuel Rivas, ceramistas da talla de Arcadio Blasco, Enrique Mestre, Claudi Casanovas, María Bofill, Francisco Espinoza, Silverio Rivas, Magda Marti Coll, e un largo etc. etc. que coas súas conferencias e mesas redondas facían de Sargadelos o centro cultural máis importante de Galicia.


5 ¿Cres que foi algo positivo para o desenvolvemento de Cervo?
 Naturalmente que foi positivo para Cervo e para toda a Mariña. De non ser pola fábrica o nome de Sargadelos non sería tan coñecido en Galicia, en España e ata me atrevo a dicir que no estranxeiro. A empresa, ao largo de máis de corenta anos que ten, tivo galerías de venta en Milán, Oporto,  Barcelona, Madrid, Sevilla, Santiago, Vigo, Lugo, Ferrol, Coruña, … (algunhas como as de Sevilla, Oporto, Milán hoxe están cerradas).


6.- ¿En que situación se encontra actualmente  a fábrica?
 Encóntrase nun claro retroceso en tódolos sentidos. A labor social é nula, como xa fun enumerando antes o comedor está cerrado dende hai máis de 2 anos, a piscina leva tamén 2 anos que non abre en verán, as bibliotecas levan 4 anos pechadas. O valor humano é nulo, os soldos non se incrementaron dende 2008, a comunicación entre dirección e empregados é inexistente. A actividade cultural é tamén inexistente, dende 2006 que houbo o cambio de dirección que apartou a Isaac Díaz Pardo e a súa familia do Consello de Administración non se volveu a publicar nada en Edicións do Castro ata o punto de que a editorial acabou cerrando, non se volveron a celebrar as Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre ….

A fábrica neste momento é unha simple sociedade mercantil que non marcha ben, se lle falla o seu compoñente cultural non marcha, iso a dirección parece que aínda non o veu.


7.- ¿Qué a fai diferente doutras empresas?
 O que a facía diferente era sobre todo ese valor cultural que tiña, e que lle daba identidade e lle imprimía carácter. Incluso a propia edificación do complexo é diferente, ten unha arquitectura bonita e persoal, cando o habitual é que as fábricas non sexan precisamente bonitas. 


8.- En canto o tema do respeto o medio-ambiente.
  O impacto no medio ambiente creo que non é moi grande. As augas residuais da limpeza do caolín e da súa actividade industrial decántanse a través de varios pozos e unha vez decantada a materia mineral e coa auga xa limpa esta devólvese á rede de sumidoiros.


9.- ¿Qué perspectivas de futuro ten?
  Con esta Dirección, sinceramente, moi poucas, por non dicir ningunha.

Esta empresa perdeu a filosofía coa que foi creada, perdeu toda a actividade cultural que tiña, está perdendo a súa identidade e así é moi difícil que se sustente. Isto xa se cansou de dicilo o propio Isaac Díaz Pardo, agora, o tempo e os feitos déronlle a razón.

Penso que as únicas posibilidades de futuro , se é que as ten, pasarían por que retomase a Dirección da empresa o Laboratorio de Formas e a familia Díaz Pardo.


10.- ¿En que aspectos farías máis fincapé para mellorala?
 Penso que o único que habería que facer para mellorala sería volver a ser dirixida coa mesma filosofía coa que foi creada e coa que aguantou 40 anos sen maiores problemas, e sempre medrando. Para iso tería que volver a familia Díaz Pardo




Quería destacar duas cousas sobre a entrevista.Unha que ,a pesar de todo o que fixo a fábrica  en prol da cultura galega e todo o que eso a beneficiou, actualmente se pechen os ollos ante esta situación desfavorable e a única solución que se dá é a do despedimento. E segundo,que foi donde por primeira vez  veu un cartel escrito en galego, estamos a falar dos anos oitenta.


2 comentarios:

  1. En fin, nada sorprendente. Unha industria que decide vender produto en lugar de cultura. "Beneficios".
    En canto ao do cartel en galego...ben, tampouco é algo raro dado que durante toda a ditadura non se podía publicar nada en galego...Obviamente, aínda que xa ao final do mandato do señor de Ferrol se foi normalizando un pouco a cousa, non se empezou a normalizar ata máis tarde. De feito, é a partir de 1980 cando aparecen as tendencias máis puristas da lingua.
    En fin, xa paro que me lío e tampouco é plan.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Na miña opinión, como di a traballadora da fábrica, a grave crise que está vivindo a fábrica é debida, a maiores da crise económica do país, ao cambio da filosofía da empresa.
    Sargadelos, na actualidade, está esquecendo o xeito en que naceu e por que naceu. Agora é unha simple empresa na que o que importan son os beneficios.
    Obviamente, o cambio de directiva non foi beneficioso para a empresa, xa que é esta a que non segue os pasos que leva dando durante a súa creación a familia Díaz Pardo.
    Necesítase unha volta urxente ás orixes da empresa se non queren que esta acabe desaparecendo.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar